POMBAL DE O OUTERIÑO. CATOIRA.

 Preto do centro médico de Catoira existe o pombal O Outeriño (chamado así pola súa toponimia).

O pombal ou pombar é unha orixinal e coidada peza arquitectónica que serve de habitación ás pombas. A rendibilidade económica delas é escasa, e pouca máis ten que unha función decorativa [“Gando de pico non pon ó dono rico”], por iso a súa presenza dáse, maiormente, nos pazos, mosteiros, reitorais e casas grandes, aínda que tamén aparecen nas herdades labregas, xa que gozan do aprecio de tódolos habitantes da Galicia rural.
Este pombal pertencía ós terreos dos Moure (familia con moitos terreos), agora é do banco, sitúase illado de edificacións, nun lugar alto, con terreo seco, orientado ó mediodía (imprescindible para as pombas), abrigado dos ventos dominantes e non ten árbores ó redor para impedi-lo asentamento de aves rapiña.
Descoñecese o ano de construción, así como o canteiro. Deixouse de empregar a finais dos anos 70.
A súa forma é de volumetría cilíndrica e carece de tellado pero dedúcese que era de cuberta cónica con tella e remata nunha peza de pedra que sobresae o asoleirado (plataforma onde van os chamados buratos para a entrada e saída das pombas).
Moitos pombais levan no centro unha especie de mesa de pedra sobre o esteo (poste) onde, chegado o inverno, se bota comida para que se alimentes as aves, NON É NESTE CASO.
As vertentes adoitan ser empinadas para que o esterco das pombas que se pousaban no tellado non chegase a atascar as canles.
O interior está divido en nidales traballados con lousa de pedra cadrados e o exterior pintado de de cor branca que servía para que mantivese o interior máis fresco no verán, é tamén poñiase cal para que no caso de que algún animal que puidese gatear para ir a por ovos ou pichóns non pudiese facelo. Pero a veces podían aproveitar algún desconchado no muro, para evitar que puidera subir realizábase na parte superior a cornixa con voadura (coma os tornarratos nos hórreos), así o animal non podía seguir adiante, ademais nesta cornixa as pombas pousábanse para despois entrar, ou ben tomar o sol.
Das pombas obtíase:
- Alimento: as pombas poñen dous ovos (femia e macho) dos que saen os pichóns; menciona Raúl Moure que o seu avó Valentín Sanchez iba ós pichóns cun saco de artilleria e cando teñen aproximadamente 20 días, collíaos polo pescozo e dáballe dúas voltas para desnucalos, cá súa carne facían moitas recetas de cociña.
Comenta a familia que polas festas de San Antonio invitaban ó director da banda de música que era bo coñecedor da boa man na cociña da matriarca.
- O excremento que é a palomina, que é guano, que empregase como abono nos campos, polo seu alto contido en nitróxeno que é a sustancia máis importante no chan fértil que garantiza o rápido crecemento de plantas e vexetais e empréganse para enriquecer o chan salino ou areoso. O esterco da pomba estaba considerado como un dos mellores naqueles tempos, especialmente se se mesturaba có dos cabalos.
Menciona Mercedes Rey Moure, que o seu avó Jose María Moure Cancelo vendía o abono para os pementeiros de Herbón que viñan a Catoira para aprovisionarse del.
- Compoñente valioso para crear a pólvora. Xunto con outros compoñentes crease un EXPLOSIVO que foi empregado en moitas guerras.
Nas moitas casas rurais onde hai pombas, o habitáculo máis simple onde aniñan e viven é un espazo situado no faiado, ó que acceden por buratos realizados nun lateral ou espeto. No caso de estar fóra da vivenda hai uns pombeiros,, que consisten nunha simple caixón de madeira para unha soa parella, ou un recinto de maior grandor, compartimentado interiormente con nichos para varias pombas. Sitúanse no alpendre, na palleira ou arrimados ó hórreo, aínda que nalgunha ocasión están illados sobre un esteo de madeira chantado no terreo.
TOPONIMIA
O outeiro é un pequeno monte ou elevación do terreo; a palabra é característica do noroeste peninsular, propia do galego e do leonés, e formouse a partir de ALTARIUS , derivado do latín ALTUS `alto´. Ten moitísima presenza na nosa toponimia; o nomenclátor recolle máis de medio millar de entidades de poboación galegas con ese nome e os seus derivados. O apelido toponímico correspondente tamén é moi frecuente en Galicia, na maior parte dos casos castelanizando desde o século XIX (no Catastro de Ensenada, do S XVIII, aínda son frecuentes os apelidos Outeiro, de Outeiro, do Outeiro, fronte á forma castelanizada Otero).
Está presente este substantivo no nome de dúas entidades de poboación da parroquia de Catoira: Outeiro da Vila e O Outeriño. Figuran con eses nomes no Catastro de Ensenada (1753): <<Domingo Capelos, labrador de la aldea de Outeiro da Vila>>. <<Alexos Catoira, labrador de la aldea do Outeriño>>. Ademais destes núcleos de poboación, no termo municipal de Catoira atopamos esta forma noutros numerosos topónimos. En Abalo: O Outeiro, Os Outeiros da Hedra (Outeiro da Hedra de Arriba e Outeiro da Hedra de Abaixo), O Outeiro do Sudre, O Outeiro de Campo Longo (ou Campolongo), O Outeiriño da Pedra, O Outeriño da Devesa e Outeriño de Refrexeiro.
En Catoira: A Viña do Outeiro e O Outeriño.
En Dimo: O Outeiro, O Outeiro do Raio, O Outeiro do Carballoso, O Outeiro do Regueiro, O Outeiro da Curra, O Outeiro do Conde, Os Outeriños, O Outeiro dos Mouchos, O Outeiro da Cheda e O Outeiro de Calbó.
En Oeste: O Outeriño de Meán, O Outeiro do Home, O Outeiriño e o Camiño do Outeiriño.
O topónimo Outeiro do Sudre fai referencia ás actividades gandeiras e a produción tradicional de fertilizantes para a agricultura; o seu segundo elemento é o substantivo común zudre ou sudre ‘líquido que sae dunha corte, ou latrina, e que vén sendo o zume do esterco’. Tamén ha de gardar relación coa gandería o segundo elemento do nome Outeiro da Curra, que interpretamos coma unha forma feminina de curro.
O nome de Outeiro do Raio ten quizás orixe anecdótica, relativo a un raio caído no lugar.
O do Outeiro do Home, podería non ser o común home (<lat. HOMINE), senón talvez un hidrónimo prerromano, e faría alusión ás augas (coma en Cabo Home), no Morrazo ou na Portela de Home, na raia seca de Ourense...). O segundo elemento do Outeiriño de Meán ha de ser o adxectivo meán (<latín MEDIANU, MEDIANA), alusivo á situación intermedia entre dous puntos de referencia. Carballoso é un adxectivo que alude á presenza ou abundancia de carballos.
Dado o emprego de moucho como alcume persoal, non sabemos se o nome do Outeiro dos Mouchos fai referencia a esas aves ou alude a propietarios do lugar, coma no Outeiro de Conde (o apelido Conde documentámolo na zoa polo menos desde ó século XVIII). Tamén pode ser o apelido Calvó ou Calbó, de orixe catalana, o segundo elemento do Outeiro de Calbó: non figura no Catastro de Ensenada, polo que cremos que é un topónimo relativamente recente.
Agradecemento á familia Moure pola súa colaboración i explicacións sobre o pombal dos que foi unha valiosa axuda.

Texto extraido de:
Toponimia de Catoira. Gonzalo Navaza.
Arquitectura popular. Museo do Pobo Galego.



Vista ó pombal.
Altura de 3,55cm ata a cornixa.
O diámetro do pombal no interior é de 2,55cm.
Os muros teñen un grosor de 80cm.

Anidales onde incubaban ou descansaban as pombas.

Anidal, os anidales ten como medias aproximadas:
40 cm de fondo.
19 cm de alto.
15 cm de ancho.

Posible marca de canteiro no dintel.

O pombal recuberto de cal que permitía manter o fresco dentro i evitaba que reptaran os animais.

Asoleirado con cornixa con voadura.
No asoleirado pousaban as pombas para entrar ou tomar o sol.
A cornixa fai función de evitar que suban os animais e así evitar que entren dentro do pombal; é como os tornarratos nos hórreos.


Detalle tella do pombal.

A porta ten unhas medidas de:
61 cm de ancho.
102 cm de alto.

A altura do pombal é de 3,55cm ata a cornixa.

O pombal carece de tellado.



Comentarios

Publicacións populares deste blog

A RODA DE CATOIRA

A MOZA XITANA DE CATOIRA

O Vikingo Moncho Bouzón, 50 anos batallando.