O ENTROIDO EN CATOIRA

 Na estación, no local de comidas de Casa Emilio, cando aínda funcionaba o cine Rañó, facíase bailes con disfraces e pequenos percorridos. Contan que un ano nun descapotable uns veciños (entre eles Pasarín) disfrazáronse de jeques con turbantes e gafas de sol, sendo un éxito. 


Extracto do libro “Aquela xente de Catoira” de Pepe Castaño Dios, páx. 284. 

“E lévalo, é lévalo,

e lévalo Entroido

a cabalo do teu coiro.

Para o ano que vén,

que te acabale ben

e se non te quere acabalar

que te leve ó mar …"

 Popular

 Antigamente disfrazábase un burro. Máis tarde pasaron a ser disfraces con roupa vella, e outros con roupa moi antiga. Tapábase a cara cunha media, pois aínda non había caretas. Os rapaces asustábanse moito cos choqueiros. A nivel gastronómico, comíanse a cacheira e as filloas. Gastábanse bromas e “metíanse mentiras”, facíanse burlas colocando un papel no lombo, sen que se decatase o que o levaba.


A mocidade escribía cartas sen remite, onde se mandaban poesías coma esta:

    "Si me quieres escribir

ya sabes mi dirección

calle de Alfonso XIII

y lugar de la Estación".

E mandábanse os burros en carta e dicíase:


 "Metinlle o burro" "¡Ai que risa ...!"

 Estas eran algunhas das letras:

“Burro soy

patas tengo,

más burro es

el que me está leyendo”.

 

"Este burro que che mando,

vai cargado de touciño,

se ti non o comes todo, 

reparte co teu veciño”.

 

"Si quieres saber mi nombre

y saber mi dirección

una casa de ladrillos

arriba de la Estación"

 

"Este burro que che mando

non o vaias a perder,

enséñallo ós teus veciños

que tamén o queren ver”.


"Si quieres saber quien soy

y saber como me llamo.

el día de San Manuel

es el primero de año".


Volvendo ao entroido, facíanse bailes. Nun principio se ía fóra a Vilagarcía, Caldas, Bamio, no Pedroso... e máis tarde empezou a habelos en Catoira. Primeiro na da Roxa, nun cuberto, organizado por José o Albañil, meu pai, ás veces en colaboración con outra xente. 

En Abalo tamén se fixeron uns bailes na casa de Clementina, nas Rosiñas, e alí estaban Severiana e o seu irmán, Francisco... cunhas faldas negras e blusas brancas, con plumas de galiña naturais cosidas. Pasábano moi ben porque “a xente era máis unida ca hoxe”. En Abalo tamén os Luns de Entroido xuntábase media aldea de Cores na casa de José dos Breixos, Indalecio co acordeón, Berenciana e Andrés ían disfrazados cunhas enaguas todas cosidas con estreliñas e sombreiros de “pajilla” tipo americano... e chegando a Souto da Vila á “eira do señor Jesús”, onde se bailaba. Por certo que as que bailaban moi ben o solto eran Concepción do Sancristán, o mesmo Sancristán e a nai de Aurita, así como Presentación, ata que marchou para Bos Aires, aínda que esta última brincaba moito, José de Teresa, Dolores a Americana e Andrés.

En Dimo tamén houbo ruadas, sendo unha das máis importantes a que se celebraba en Portecanles, nunha eira onde está a casa de Xusta. Tocábanse as pandeiretas, como di a cantiga:

 "Señor cura, señor cura

a doutrina non lla sei,

déame unha pandeireta

que eu lla repicarei”.

 En Coaxe, na Tuxeiriña e no Balbón, máis ou menos por onde hoxe está o parque infantil, había rúa e tocaba Fina de Coira a pandeireta, e os homes xogaban aos bolos no Campo. Dicían que “o que asubía ben, canta ben”, e en Dimo cantaban ben, entre outros, Vidal e as súas fillas, Edelmiro, que casou en Bemil, Manuel do Campo, o pai de Balbina, aínda que a este era difícil poñelo a cantar, as de Sumai: Julia, que está en Bilbao, Emilia, nas Cachopeiras, e Argentina. Telvina a de Romai, a que casou co canteiro en Carril, José de Coira e as da Fonte Aos de Arousa, igual que a os de Sumai, xa lles viña do berce, eran cantadores por natureza, sobre todo José e Ricardo. Os cantares acompañábanse moitas veces co ruído dos zocos o taconear.

 "O xuízo dos casados

anda polos ameneiros

se no teñen os casados

que farémolos solteiros".

 En cambio para o baile apañábanse ben Emilia de Castro, Andrés de Pérez, o pai de Jesús, e Claudina Pero o sitio máis destacado do baile era Cordeiro. Despois xa no Salón da Fonda da Estación, tamén con José 'o Albañil", e máis tarde con José de Guillán, un grande animador que tamén se permitía “meterse” coa xente, como fixo con Pilar, a de Manuela de Dios, miña irmá:

 "Esta que vedes aquí

é-vos a filla de Dios,

se vos na queredes,

querémola nós".

 En Barral, na eira, houbo ruadas e mesmo algunhas teñen acabado en pelexas, en leas. 

 

Fotografías: Pasarín.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

A RODA DE CATOIRA

OS CASCOS CON CORNOS DA ROMERÍA VIKINGA DE CATOIRA

A MOZA XITANA DE CATOIRA