O NOVO CRUCEIRO DE CATOIRA


 

Na parroquia do Oeste existe un cruceiro, que posiblemente sexa o máis novo do Concello, o cal elevaría a 32 cruceiros do total dos que existen en Catoira.

O cruceiro de Bouzameán (chamado así polo topónimo) foi creado aproximadamente no 2006 por Ángel Lijo, o propietario é Valentín García Bustelo.

O cruceiro non pode ser catalogado debido a unha lei que contempla que ten que ser anterior a 1901, como os hórreos. Excepcionalmente, pódese catalogar outros posteriores se teñen unhas características especiais, pero non é o caso. A todo isto, si pódese considerar que é unha obra de arte contemporánea.

Cruceiro tipo Cruz (sen figura de Cristo). A plataforma está formada por 3 chanzos (escalóns) de formas cuadrangular con unhas curiosas liñas sobre os chanzos formando círculos. O pedestal ou dado é cuadrangular na parte inferior e circular na parte superior. Fuste de sección circular. Capitel tamén de sección circular, con forma irregular. Cruz latina de sección circular. Un sudario ornamenta a cruz cuios remates están biselados. 



As medidas do cruceiro son: 

Cruz: 85 cm. de alto, adornada por un sudario (evoca a tea que envolveu o corpo de Xesucristo trala súa morte.

Fuste ou Varal: 1.70 cm. de alto. 

Capitel: 25cm. de alto. 

Pedestal:47 cm. de alto.

As medidas dos chanzos son:

1º escalón: 1.20 * 1.20 cm. 

2º escalón: 1.70 * 1.70cm.

3º escalón: 3.67 * 3.67 cm.

A altura son 15 cm. cada un.






TOPONIMIA BOUZAMEÁN


Este toponimo está composto por dous toponimios: BOUZAS e AS MEÁNS.

Bouza: lugares non cultivados con abudante vexetación de árbores e monte baixo.
Meán: designa lugares que se sitúan en posición intermedia respecto doutros dous puntos que se toman como referencia.

BOUZA
O substantivo bouza é unha palabra galega de orixe prerromana e ten abundante presenza na toponimia. Na documentación altomedieval en latín adoita aparecer coas grafías bautia, baucia. O seu significado é equivalente ós que vimos para mato, silva ou bosque, isto é, lugares non cultivados con abundante vexetación de árbores e monte baixo. En Catoira rexistrase có seseo común na fala da zona (bousa).

A Bouza é o nome dunha zona de arboredo en Abalo. A Bouza é tamén o nome dunhas terras de labor en Oeste.

Un composto Bouza do Eiro (Bousadoeiro na fala) está presente nos topónimos Muíño de Bousadoeiro, Os Herbales de Bousadoeiro, Bousadoeiro de Abaixo e máis O Agro de Sa- cramento de Busto de Bousadoeiro. O segundo elemento eiro, que tamén ten uso como substantivo común có significado de 'terra labrantía', é moi probablemente un resultado do latín Bouzalede, nome de terras de labor en Oeste, é un composto cun apelido Lede, posiblemente referido a un antigo propietario da bouza. Bouzameán, na mesma parroquia, contén o adxectivo meán (< lat. MEDIANA), e alude á situación desa bouza nun lugar intermedio entre dous puntos que se toman como referencia.

Interpretamos que o segundo elemento de A Penerada de Bouzas, en Dimo, é un apelido de propietario, dada a ausencia de artigo (de Bouzas e non das Bouzas). O apelido Bouzas ten presenza moi significativa no concello de Catoira.

Unha forma derivada de bouza é un diminutivo Bouzó (que na fala de Catoira pode ser resultado tanto do feminino *BAUTIOLA coma dun masculino *BAUTIŎLU). Bouzón podería ter o mesmo étimo ca Bouzó ou ben conter un derivado en -ONE. Na súa orixe foron probablemente áreas de bouza deforestadas e rozadas para destinalas a terras de labor, destino que aínda manteñen na actualidade: O Bouzó en Abalo; O Bouzón, O Bouzón de Carril, O Bouzón de Castro e un diminutivo O Bouzonciño en Dimo. A ausencia de artigo (de Bouzón e non do Bouzón) lévanos a interpretar como o apelido dun antigo propietario o segundo elemento do topónimo A Cortiña de Bouzón, tamén na parroquia de Dimo. O apelido Bouzón conta con significativa presenza en Catoi-ra; xa se documenta no concello desde a Idade Media.

AS MEÁNS

Meán é o resultado do adxectivo latino MEDIANUS, MEDIANA. No seu uso toponímico designa lugares que se sitúan en posición intermedia respecto doutros dous puntos que se toman como referencia. Polo seu significado, topónimos como Bouzameán ou Grandameán (Grandamián) veñen equivalendo a 'Bouza do Medio' e 'Gándara do Medio'. Neles, meán funciona como adxectivo, acompañando os substantivos bouza e gándara ou granda, respectivamente. Noutros casos, o substantivo puido perderse e sobrevive unicamente o adxectivo, coma nos topónimos As Meáns e As Meáns de Coira, que vemos a continuación. En topónimos como Outeiriño de Meán, en Oeste, ou A Aberta de Meán, en Dimo, sorprende a ausencia do artigo (sería máis esperable "da Meán" ou "do Meán").
As Meáns e As Meáns de Coira son dous topónimos da parroquia de Catoira que na actualidade dan nome a dúas áreas de arboredo de piñeiros e eucaliptos. Cremos que corresponden a formas femininas do mencionado adxectivo (latin MEDIANAS > galego Meáns), pero as variantes con que o rexistramos no Catastro de Ensenada (sen
artigo ou mesmo con artigo masculino: «<otra en el agro dos Meanes», «de Meanes», pode facernos sospeitar se non será alteración dun orixinario *ameáns, plural de ameal (do mesmo modo que Abelláns -hoxe As Beláns- ou Santeáns corresponden ao plural de abellal e de centeal, respectivamente). Trataríase entón dun topónimo relativo á flora, que faría referencia á presenza de ameneiros ou amieiros no lugar, e pertencería á mesma familia do topónimo A Ameneiró (§ 019). O singular correspondente (ameal) aparece no Catastro de Ensenada como hidrónimo dando nome ao Río do Ameal, por exemplo, ao referirse ao muíño do Feltreiro ou Foltreiro: «uno llama- do Feltreiro de una muela y piedras negras, propio de Francisco Barcala y otros, sito en el río del Ameal». Cremos que tamén é un antigo O Ameal, relativo a esas árbores, o topónimo actual O Meal, nome dunhas terras de labor na parroquia de Oeste.


Texto extraído de:

Toponimia de Catoira, Gonzalo Navaza.

https://cruceirosdegalicia.xyz/index.html

Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego.


AGRADECEMENTO A VALENTÍN GARCÍA BUSTELO pola información aportada que axuda a aumentar o patrimonio do Concello de Catoira.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

A RODA DE CATOIRA

A MOZA XITANA DE CATOIRA

O Vikingo Moncho Bouzón, 50 anos batallando.