O CRUCEIRO DE BARRAL E A TRASNADA NO NADAL

Na zoa do Barral, parroquia de Catoira, preto da Igrexa de San Miguel de Catoira hai un cruceiro.

Cruceiro de Barral.

 Un cruceiro é un dos símbolos máis representativos de Galicia e hai case sete séculos que comezou a estenderse a práctica de sacralizar signos e lugares pagáns ou de santificar acontecementos con este símbolo. Os canteiros máis ilustres de cada época plasmaron os seus mellores oficios neste singular monumento que fala por si mesmo da relixiosidade dun pobo que soubo expresar a súa fe, amor e medo na cruz de pedra. Pero os cruceiros tamén se criaban en acción de grazas ou para pedir unha curación, un milagre ou para saldar unha débeda ou unha oferta non cumprida co Todopoderoso.

Outros levantáronse para lembrar feitos tráxicos, unha morte, un crime... Pero tamén lembrando feitos históricos ou a suposta aparición da Santa Compaña. Por sagrado que era, convertía en sagrado o lugar onde estaba colocado. Rezando diante del gañábanse indulxencias, cando a Igrexa así o preveía. Nas prazas de gando, a cruz de pedra protexía aos animais, xunto aos campos propiciaba boas colleitas; nas estradas sinalaba o camiño para peregrinos, arrieiros ou outros camiñantes.

Tamén se empregaba para marcar límites xurisdiccionais, civís ou eclesiásticos e nun sinfín de solicitudes onde interveu a Fe dun pobo que atopou o seu mellor aliado na cruz de pedra para protexerse e gañar o Ceo, ou polo menos para lembrar. que existiu.. Esta mesma Fe fixo que moitos crentes destinasen auténticas fortunas para crear cruzeiros e conseguir así indulxencias para eles mesmos ou para un dos seus seres queridos. 


 As partes do cruceiro son as seguintes:


Texto extraído de "Cruces, Cruceiros e Petos do Concello de Catoira", Estanislao Fernández de la Cigoña Nuñez.

O cruceiro de Barral que presenta tres chanzos de sustentación e unha base cúnica, baixiña, coas arestas superiores rebaixadas. A vara, de sección octogonal, amosa a figura de San Miguel na parte dianteira e alta sobre monstro. Cóbrese por un falso capitel de catro lados rectos adobiados por espirais, que serve de apoio a unha cruz que ten figuras por ambas caras. No adverso: Cristo de tres cravos, baixo carteleira de INRI, pegado ó madeiro, co nó do pano a súa banda dereita e pé deste mesmo lado cubrindo o esquerdo. No reverso vemos unha Virxe de pé sobre pousadoiro de cabeza de anxo co Meniño Xesús no colo.

ANO DE CONSTRUCIÓN E LENDAS.  Nada indicamos, pois carece de epígrafes.

ESTADO DE CONSERVACIÓN E USO. Ben conservado, pero afectado de abandono. Sen sinais aparentes de devoción e culto por parte dos veciños.


Según os veciños o cruceiro foi restaurado pero sosteñen que o cruceiro colocaronno ó revés.

As seguintes fotografías teñen unha descripción.

Cruceiro de Barral, observase os tres chanzos (escalóns) e a base cúnica (cadrada redondeada ós lados), a vara é octogonal e amosa a figura de San Miguel sobre un diaño. A cruz mostra a Cristo de tres clavos cá carteleira INRI. Detrás a Virxen María có meniño.

Figura de San Miguel enrriba do diaño.

San Miguel cás alas plegadas e vaina (espada) gardada, ó contrario cá figura da Igrexa que ten as alas extendidas e a vaina en posición de ataque.

Figura de San Miguel  na Igrexa cá espada levantada e as ás desplegadas.

O diaño pisoteado por San Miguel

O diaño pisoteado por San Miguel.

Falso capitel, o varal fai forma de capitel arriba.

Cristo de tres clavos, enrriba o cartel de INRI. Hai un truco para saber no século de cando se fixeron os cruceiros según a posición dos pés de Cristo, neste caso se non me equivoco e do S XVIII.

A Virxen sostenida por anxos ten ó meniño suxeitado no colo e o meniño nun xesto de adultez tapase ás súas partes íntimas nun acto de vergoña.



A TRASTADA NO CRUCEIRO

Contaba o meu avó José Manuel Conde Touriño que xunto con máis amigos e veciños na época do Nadal ían polas casas cantando panxoliñas na procura de algún patacón para despois mercar doces.

Un Nadal foron pola zoa do Barral e despois de cantar decidiron retirarse para as súas casas, o meu avó máis un amigo adiantáronse e agardaron polos demais no cruceiro de Barral. Ó notar que retrasábanse i eles moi afeccionados ás trasnadas decidiron poñer unha chaqueta enriba do cruceiro i esconderse un pouco lonxe á espera dos demais (hai que ter en conta que non  había edificacións ó arredor deste cruceiro nos anos 50).

Cando os amigos e veciños foron chegando contentos e parlachíns algúns decatáronse da chaqueta no cruceiro pero debido a que non había apenas luz e aínda era época das historias de pantasmas, almas en pena e Santa Compaña quedaron ficados e mudos no sitio. O meu avó máis o seu amigo ríndose polo baixo decidiron facer ruídos de ultratumba: UHH, UHHHH, UUUHHHHHHHHH!!!!!!

Os amigos unha vez recuperados do susto e do silencio botaron a correr por onde viñeron acompañados de berros e súplicas, solo rotos polas risas dos causantes de tremendo susto.

Según contoume, despois das risas tocou ir detrás das amizades para explicar que ninguén ía vir a por eles e levalos a outros mundos e moito menos no Nadal. Todo quedaron en risas e cá promesa que devolveríanlle o susto.


Dedicado ó meu avó ó que añoro naquelas tardes nas que contabame historias.

José Manuel Conde Touriño


TOPONIMIA
BARRAL

O nomenclátor de Galicia recolle setenta entidades de poboación chamadas Barral ou O Barral. E máis de cento cincuenta Barreiro, Barreira e os respectivos plurais. Son nomes derivados mediante sufixos   (-al, -eiro, -eira...) habitualmente a partir de barro ('arxila'), pero non sempre podemos ter seguridade de que sexa ese o significado orixinario, pois ademáis dos topónimos relativos á constitución do terreo (relacionados con barro), hai outros que aluden á súa orografía (relacionados con barra, barreira, barronca, barranco, etc., coma no nome dunha área de arboredo da parroquia de Abalo chamada As Barroncas) ou a certas construcións (nalgunhas áreas galegas úsase barra por parra). 

En Catoira temos: Barral (entidade de poboación), Barral de Abaixo e Barral de Arriba (partes do núcleo de Barral), O Muíño de Barral, A Fonte de Barral... todos na parroquia de Catoira. 

Na parroquia de Abalo, O Alto de Barral dá nome unha zona de terras de labor. No Catastro de Ensenada (1753) recollemos: «lugar de Barral», «Molino de Barral», «<Agro de Barral y da Revolta»>, etc.

 Tamén parece conter un derivado de barro o topónimo A Fonte Barrosa, en Abalo, se ben a aplicación deste nome a unha fonte non nos permite desbotar a posibilidade de que teña relación cunha raiz hidronímica céltica *AWER 'auga', que dá resultados en galego en palabras iniciadas por Var- (Bascuas 2006, p. 41). Outros derivados de barro na toponimia do concello mediante os sufixos -eiro, -eira son A Casa da Barreira en Abalo, Os Barreiriños en Abalo, O Barreiro en Catoira e Os Barreiros tamén en Catoira, todos eles nomes de terras de labor e áreas de arboredo. Tamén semella ter relación con barro o topónimo O Barreño, nome dunha terras de labor na parroquia de Dimo, que no Catastro de Ensenada aparece coa forma plural (Barreños). 

Moitos destes lugares conteñen nomes sen dúbida alusivos á presenza ou abundancia de barro, e posiblemente algúns han de estar relacionados cos traballos de olería artesanais ou industriais, que contan con notable tradición no concello de Catoira. Recolle Madoz en 1845:

 «Catoira (San Miguel) (...) Además de la agricultura, se cuentan varios molinos harineros y alfarerías de loza y vasijas bastas que se venden para la gente pobre en las felig, inmediatas.>>



Texto extraído:
"Cruces, Cruceiros e Petos do Concello de Catoira", Estanislao Fernández de la Cigoña Nuñez.
https://www.guiategalicia.com/cruceiros-de-galicia/
https://cruceirosdegalicia.xyz/index.html
"Toponimia de Catoira", Gonzalo Navaza.

AGRACEMENTO ÓS MEMBROS DA ASOCIACIÓN A RULA polas súas explicacións deste cruceiro na Ruta dos Petróglifos de Catoira o 3 de marzo deste ano para conmemorar o aniversario da chegada de Ramón Sobriño Lorenzo - Ruza ó concello.






Comentarios

Publicacións populares deste blog

A RODA DE CATOIRA

OS CASCOS CON CORNOS DA ROMERÍA VIKINGA DE CATOIRA

A MOZA XITANA DE CATOIRA