FINCA A CAPELA: NEXO DOS POBOS CASTREÑOS, ROMANOS E SUEVOS. CATOIRA


Mapa da ubicación da antiga capela.


Na parroquia de Catoira existe unha finca, actualmente unha viña, a cal ten a súa importancia polas reliquias que permiten unir os pobos castrexos, romanos e suevos no Concello de Catoira nun contexto culto/relixioso.

 

A aparición, na mesma leira, da ara galaico-romana dedicada á divindade guerreira Bandua, indica que o lugar xa fora sacralizado en época antiga, e na súa contorna habería un hábitat romano (ss. I-IV), cristinianizado en época sueva (ss. V-VI), con continuidade na Alta Idade Media.

O achado dos restos doutra lauda (Museo de Pontevedra), no derrubamento dunha vivenda próxima á leira da Capela, cunha cronoloxía máis avanzada (ss. X-XI), é indicativo da continuidade de hábitat e lugar de culto e enterramento en datas avanzadas do medievo.

Como curiosidade, antigamente, este trociño de terra pertencía á parroquia de Dimo, pero despois da ordenación municipal do Concello pasou a ser da parroquia de Catoira.

As reliquias mencionadas e a súa toponimia correspondente son :

NECRÓPOLE
Pódese dicir que a zoa estaba integrada nun espazo sagrado no que tamén habería un edificio relixioso (de aí o topónimo), correspondería a un lugar de culto e enterramento dunha comunidade cristiá altomedieval local, a actividade da cal comezaríase a rexistrar en época sueva (S VI), pervivindo deica os inicios do período da monarquía asturiana (SVIII).

- Tampa (peza móbil con que se tapa calquera recipiente ou caixa, que pode ser independente dela ou estar fixada polo bordo) de dobre estola dun sarcófago suevo. 
- Lauda (lápida sepulcral, especialmente a que ten inscrición i escudo de armas) antropomorfa infantil.
- Lauda con alvéolo.

• ARA ROMANA dedicada ó deus/deusa Badua (da cal farei un pequeno resumen desta divindade).

COLUMNA ANTIGA DA CAPELA

A NECRÓPOLE correspondería a un lugar de culto e enterramento dunha comunidade cristiá altomedieval local. A súa actividade iniciaríase en época sueva (século VI), chegando até os inicios do período da monarquía asturiana (século VIII).

Os leitos sepulcrais desta necrópole suévica de Catoira non teñen decoración, agás unha delas, que presenta na cabeceira unha gran luz latina esculpida en autorrelevo, con ensanchamento cara os extremos dos brazos. No punto de interseccción da cruz destaca a presencia dun oco con alvéolo, preparado para recibir algún tipo de peza decorativa, quizáis de pasta vítrea ou algún outro material brillante. (Non hai fotrografías).

TAMPA DE DOBRE ESTOLA DUN SARCÓFAGO SUEVO

Sarcófago suevo.

A tampa amosa o característico baquetón (linea horizontal) debuxando unha dobre estola, con riscos antropomorfos evidentes. O baquetón define as súas arestas das catro vertentes có que está labrada a tapa do sarcófago, característica habitual neste tipo de lápidas de época sueva. Estes enterramentos son especialmente abundantes na costa occidental galega, na contorna do eixe definido pola antiga vía romana per loca maritima, correspondente ó eixe Cambados – Iria Flavia – Compostela.
A parte correspondente á cabeceira aparece o debuxo esquemático dunha faciana e os ombros dunha figura humana, cós brazos e pernas estendidos e rematando con formas discoidais que parecen representa-la man aberta. Entre as extremidades inferiores aparece unha especie de puñal de pomo redondo - ¿atributo guerreiro do defunto?- semellante ó do sarcófago de Oseiros. Esta iconografía funeraria altomedieval interprétase tradicionalmente como a estilizada e incorpórea figura do defunto en actitude orante. A proximidade xeográfica, cultural e iconográfica, con respecto á gran necrópole de Iria Flavia (ss. V/VI ó VIII), aconsella supoñer para este cemiterio altomedieval de Catoira un horizonte cronolóxico semellante.

Sarcófago suevo.
• LAUDA ANTROPOMORFA INFANTIL

Lauda infantil.

De época imprecisa foi localizada en 1966 e atribuída a unha sepultura infantil. A peza é plana e está partida en dúas partes desiguais, o que non impide valora-la súa iconografía. Nela represéntase de maneira moi esquemática unha figura masculina. A cabeza aparece debuxada por un sinxelo círculo don dous puntos correspondentes ós ollos e unha fina liña horizontal para a boca. O pescozo son dúas liñas paralelas que enlazan cun corpo de gran simpleza, no que os brazos dobrados en ángulo recto mostrando as mans aberta –sempre baixo unha perspectiva esquemática- constitúen a única nota de certa viveza, dentro das evidentes limitacións do operario que gravou o debuxo do defunto.
ARA ROMANA DEDICADA Á DIVINDADE BANDUA

Ara romana dedicada á divinidade Bandua.

Datada no S.I ten unhas dimensións de 70 x 39 x 32 cm e foi posta do revés e reutilizada como (...) base dunha columna na propiedade privada denominada Curula, no lugar de Aragunde (...). A peza parece que foi atopada, non obstante, na leira A Capela e consérvase en bo estado, aínda que foi seccionada a súa parte superior, coa consecuente perda da cornixa, e aparece moi erosionada na súa base. Pero a inscrición, realizada con letras de 5-6 cm, aparece clara e lese con precisión:
DEO BAN(duae)
TI(berius). CLA(udius). CI(-c2-)
VO--. DE(os)
AUTO. V(otum)
S(olvit). I(ibens). M(erito)
A dedicación a Bandua, divindade celtogalaica semellante a outras do horizonte indoeuropeo, indica que o doador era un nativo romanizado, devoto dese deus tutelar local, intimamente ligado á súa poboación ou tribo. A clara referencia ao emperador Tiberio (14-37 d.C.) no epígrafe, sitúa a execución da ara dentro do primeiro terzo do s. I da nosa Era.

Divinadade Bandua. 

• COLUMNA ANTIGA DA CAPELA.

Columna da antiga capela.

Sospeitase que era a columna da antiga capela cuios restos foron aproveitados para a construción da actual Igrexa Parroquial de Dimo.
Constitúe cun zócalo, fuste, ábaco cunha peza enrriba que non sei que pode ser. A peza redonda créese que era un antigo reloxo de sol que estaba no portal dunha vivenda cercana.

Columna da antiga capela.

Columna da antiga capela.

DIVINDADE BANDUA
Mapa dos lugares onde aparecen refencias á divinidade Bandua.

Adorada en todo o territorio da antiga Gallaecia e norte da Lusitania. É un dos deuses galaicos máis venerado antes e despois da chegada das lexións romanas. Sabemos del polas máis de 30 aras galaico-romanas e por unha pátera romana.
Bandue sería pois o deus/deusa que liga, víncula e dirixe aos guerreiros da tribo nas súas batallas e na vida e a morte. Bandua sería un deus/deusa de primeira función no seu aspecto sombrío, caracterizábase por utilizar a maxia dos lazos, coa que ataban a seus inimigos, inmobilizándoos ou vinculaban maxicamente aos seus seguidores. Non tería que ser un deus dos xuramentos, nin guerreiro, senón que sería o deus dos vínculos, e podería pensarse nunha vinculación por principio de parentesco, clans ou tribus e por extensión de cidades ou pobos. De aí que teña que ser precisado por epítetos e que estes sexan na súa maior parte de carácter local.

TOPONIMIA
O MOSTEIRO
É posible que exista algún tipo de relación histórica entre Casal de Mogos e o lugar chamado O Mosteiro (<MONASTERIU) na mesma parroquia de Catoira.
Casal de Mogos dá nome a un dos núcleos da parroquia de Catoira. O seu primeiro elemento, casal (<latín CASALE, derivado de casa), empregouse na Idade Media para denominar unha propiedade rural consistente nunha casa de campo coas dependencias auxiliares e as súas terras de labor. Ten moita presenza na toponimia de toda Galicia (no nomenclátor consta máis de duascentas entidades de poboación co substantivo casal). O segundo elemento, Mogos, é o resultado galego do latín MONACOS, isto é, monxes ou membros dunha comunidade relixiosa. Mogo (ou, na súa forma medieval, Moogo) foi moi usado como sobrenome ou apelido, de aí que non poidamos saber se este Casal de Mogos medieval foi en orixe a propiedade dos membros dalgunha comunidade ou mosteiro ou se recibiu o seu nome apelido dos seus moradores. Inclinámonos pola primeira posibilidade, que faría deste lugar unha explotación agrícola dependente dalgún mosteiro máis ou menos distante.
A HORTA DA CURULA
Se cadra ten relación coa mesma raíz de Cores o segundo elemento dos topónimos A Costa da Curula e A Horta da Curula, terras de labor na parroquia de Catoira. Aparece como Corula no Catrasto de Ensenada. No Concello lugués de Negreira de Muñiz e no asturiano de Grandas de Salime hai un monte chamado igualmente A Curula. Son topónimos de orixe incerta.

Texto extraído:
- www.Obaixoulla.gal
- Toponimia de Galicia de Gonzalo Navaza
- Catoira chave e selo de Galicia, Concello de Catoira.
- www.anosahistoria.blogspot.com/2017/01/bandue-o-deus-galaico-dos-caminos.html
- https://omoledro.wordpress.com/deuses-ibericos/bandua/

Comentarios

Publicacións populares deste blog

A RODA DE CATOIRA

OS CASCOS CON CORNOS DA ROMERÍA VIKINGA DE CATOIRA

A MOZA XITANA DE CATOIRA