O MUIÑO DE VENTO DA BAIUCA QUE CONVERTEUSE EN POMBAL. OESTE
Nunha zoa da Baiuca (Santa Baia) cuia toponimia é Pereira atopase un muíño de vento que cando deixouse de empregar, converteuse nun pombal. As testemuñas confirman que as pombas deixaron de anidar alí cando uns xovenes montaron un barullo cando ían a por pinchóns, as pombas colleron medo, deixaron os niños i emigraron a outros lugares.
Deste elemento descoñezo os donos, o canteiro que o realizou, cando comezou a empregarse e cando rematou.
Se sabedes calquera cousiña del, comentade, a ver si entre tod@s surxe a maxia do coñecemento.
Estrutura:
Muíño de vento de tipoloxía moi pouco evolucionada do tipo de torre fixa con cuberta tamén fixa, asentado directamente sobre o terreo, sen plataforma algunha.
Torre cilíndrica que supera os 5 metros, sobre unha plataforma, feita de cachote con pequenas rachas e perpiaños nos vans. Os muros teñen abundancia de pequenas buratas empregadas para encaixar as vigas do piso da planta superior ou serviren quizáis para as pombas. Ten dúas portas e encima delas unha burata. No interior existen unhas divisións na planta baixa de finalidade descoñecida. Na planta alta non quedan restos nin da escaleira nin da estrutura do piso. A cuberta suponse que era cónica e con velas de lenzo. No solado preparouse un sinxelo piso (o tremiñado) feito de pedras irregulares baixo o que se dispón o sistema de regulación do muíño (a mesa). Tendo en conta as dimensión do muíño podería ter dúas moas, máis non se sabe con seguridade.
Ao carecer de sistema de orientación das aspas cara o vento, os elementos mecánicos do muíño son ben simples. O eixe horizontal (a viga) atravesa diametralmente os muros da torre, a 1.60 metros sobre o solado, apoiando sobre unhas pezas de madeira (os zoquetes) que fan de buxas. O eixe ten a orientación do nordeste ao suroeste, que é a dos ventos dominantes no emprazamento.
Xa no exterior do muíño e en ambos os dous extremos do eixe, catro varas (os vareiros) o cruzan, unidos de a dous por outras varas (os travesos) nas que se colocan as aspas (os abanos); neste muíño os abanos consisten nunhas táboas unidas entre si formando unhas pezas rectangulares de aproximadamente 1,50 metros de longo por 0,50 de ancho.
O eixo soporta no interior un engrenaxe vertical de 1 metro de diámetro (a roda) construído á maneira das rodas dos carros do país, que dispón na súa periferia de 36 dentes de madeira suxeitos cun aro ou cintón de ferro que rodea á roda. Os dentes enlazan na parte inferior da roda cun engrenaxe vertical de tipo lanterna (o piñón), con 8 pezas de engrene. Estes dous engrenaxes (os engranes) converten o xiro horizontal das aspas nun xiro vertical que se transmite por un eixe vertical de ferro de sección cadrada (a vara) ao sistema de trituración do muíño.
Toponimia:
PEREIRA: son ambiguos os topónimos que conteñen as formas Pereiro, Pereira, pois non resulta doado saber se fan referencia a árbores froiteiras (derivados de pera <latín PIRA e os seis derivados PIRARIU, PIRARIA) ou se en realidade conteñen derivados de pedra (<lat. PETRA). Do mesmo xeito que o nome persoal latino PETRUS dá comunmente o resultado Pedro pero tamén a variante medieval Pero (de onde o apelido patronímico Pérez), así mesmo algúns derivados de PETRA como PETRARIU e PETRARIA puideron dar ou ben Pedreiro, Pedreira ou ben Pereiro, Pereira. Nalgún caso, un exame atento da área designada por cada un dos topónimos permitiría inclinarnos pola explicación a partir dos derivados de pera ou ben dos derivados de petra `pedra´. Se pereira é a `árbore que dá peras´, o masculino pereiro designa nalgunhas áreas a árbore que dá a variedade de mazá chamada pero formas femininas son A Pereira e mais un diminutivo A Pereiriña, nome de dúas zoas de terras de labor na parroquia de Abalo; A Pereira, terras de labor en Catoira, Pereira, terras de labor en Dimo e en Oeste, e nesta mesma parroquia un plural As Pereiras, tamén designado terras de labor.
A forma masculina témola en O Pereiro, terras de labor en Abalo, e outro O Pereiro en Dimo, onde hai tamén O Pereiralbo. Este contén aparentemente un composto Pereiro Albo, máis as formas con que se rexistra no Catrasto de Ensenada (Pereiralbo pero tamén Pereiral Boo) non nos permiten saber se foi en orixe un *Pereiro albo cun segundo elemento coincidente co adxectivo albo ‘branco’, ou se se trata dunha alteración, por desprazamento do acento, dun antigo Pereira Bo (<BONU).
Na mesma parroquia de Dimo existe tamén Suspereiros, ou sexa, “So os Pereiros”, coa forma de plural pereiros precedida da preposición so (<latín SUB) e o artigo. Un diminutivo O Pereiriño está presente no topónimo Os Herbales de Pereiriño, na parroquia de Oeste, e a correspondente plural en Os Pereiriños de Abaixo e Os Pereiriños de Arriba, na mesma parroquia.
A maior parte destes topónimos e outros semellantes aparecen rexistrados no Catrasto de Ensenada, hai douscentos cincuenta anos: Pereiros, Agro da Pereira, Los Pereiriños, Agro dos Pereiriños, Veiga dos Pereiriños, Pereiriños e Pereiralbo en Dimo, Pereira e Pereiriña en Abalo, Pereiriños en Oeste, etc.
Texto extraído de:
https://www.obaixoulla.gal/elementos/catoira/obra-civil/muino-de-vento-da-baiuca
"Topinimia de Catoira", Gonzalo Navaza.
https://www.obaixoulla.gal/elementos/catoira/obra-civil/muino-de-vento-da-baiuca
"Topinimia de Catoira", Gonzalo Navaza.
Vista do muiño.
Interior do muiño.
Interior muiño.
Marca canteiro.
Exterior muiño.
Comentarios
Publicar un comentario