MUÍÑO E PETRÓGLIFO DOS PORTUGUESES. PORTOCANLES. DIMO.

En Portacanles existe un precioso lugar á beira do río Catoira (donde o río Beco desemboca) onde hai un muíño e un petroglifo xuntos, posiblemente do SXVIII tal é como recolle a inscripción do travesaño da porta do muíño e o simbolismo dos gravados. Eles dous son a razón de que a parcelaria non pode dividir por esta zoa.

Os veciños o coñecen polo nome “Muiño da Aldea”.
Teño moita dúbidas de o porqué chamanlle dos Portugueses, unha razón (non confirmada) é que os donos da vaquería que había enrriba de San Cibrán eran portugueses e posiblemente donos deste muíño. Recalco, é unha suposición. A outra razón é que un gravado semella a cruz ibérica do escudo portugués e dahí o nome.
A súa toponimia é “Beira do Río” pero non atopo nada relacionado con ela e preguntando ós veciños tampouco souberon explicar o porqué. Así pois explicarei o topónimo Portocanles e tamén o que máis preto está que é “O Montiño de Portocanles”.
MUIÑO:
O presente muíño conta cun lintel epigrafiado sobre a porta de acceso (1766, a marca do canteiro e unhas iniciais SM). Pertence á modalidade de rego ou canle e presenta medianas dimensións. Este exemplar, dunha única moa, en regular estado de conservación, é propiedade dun grupo de veciños do mesmo lugar.
PETROGLIFO:
Os gravados están nunha pedra na que un lado foi cortado a base de picala para facer a canle da auga ó muíño, sospeitase que foron creados no SXVIII, xusto cá creación do muíño (1766), sen embargo hai elementos que poden ser de moito antes (coviñas).
Non se sabe a súa simboloxía, hai moitas teorías:
- Marcas de xurisdición dalgún mosteiro (posto que hai algún semellante pola Terra do Támega [Verín]).
- Son frecuentes na Idade Media que este tipo de gravados facíanse como “sacrificio/exvoto” có fin de pedir, augurar, invocar ou agardar unha boa travesía marítima, días antes de realizala.
- Un gravado vese que é a representación da cruz ibérica típica do escudo nacional portugués o cal: podería ser feito por un mariño portugués antes de zarpar?
- Outro gravado parece recordar a forma estereotipada dun barco de vela.
- Chama a atención que o círculo de coviñas semella ter unha cruz direccional hacia o muíño.
DESCRICIÓN:
Gravado localizado sobre unha rocha de granito de aproximadamente 1,8 metros de lonxitude no eixo NS e 1,5 de anchura no eixo EW, situada ao carón da canle do Muíño dos Portugueses.
Sobre a superficie horizontal da rocha aprécianse dous tipos de motivos:
- 13 cazoletas que oscilan entre os 4 centímetros de diámetro e 0,5 de fondo, as máis pequenas, e os 7 centímetros de diámetro e 3 de fondo, as de maior tamaño; sen posibilidade de poder adscribilas a unha época determinada.
- Un mínimo de 3 cruciformes de diferentes formas e tamaños, 10 centímetros de lonxitude para o máis pequeno e 30 para o de maior tamaño, posiblemente realizados en época moderna ou incluso contemporánea, e que moi probablemente teñan unha relación directa co uso do muíño.
TOPONIMIA:
PORTOCANLES:
Unha das acepcións dos substantivos porto e porta (<latín PORTU, PORTA) ten o significado de ‘lugar por onde un camiño supera un obstáculo da orografía do terreo ou un curso fluvial’. O masculino porto aplícase habitualmente aos chamados portos de río, isto é, os pasos por onde o camiño cruza unha corrente fluvial, sexa mediante unha porte, unha barca, pasais de pedras nun vao, etc. O nomenclátor de Galicia recolle máis de duascentas cincuenta localidades que conteñen o substantivo porto no seu nome.
Na toponimia de Catoira existe un núcleo habitado que leva este substantivo como primeiro elemento dun composto (Portocanles ou Porto Canles) e outro que presenta unha forma diminutiva (Portocelo), os dous na parroquia de Dimo. O primeiro dá nome tamén á paraxe chamada Montiño de Porto Canles (ou Montiño de Portecanles).
O nome de Porto Canles ou Portocanles convive na fala cunha variante popular Portacanles, onde o a da sílaba pretónica procede en realidade dunha preposición (<PORTU AD CANALES), como adoita suceder noutros topónimos compostos cun primeiro elemento porto-. No Catastro de Ensenada rexistramos este topónimo como Portocanles ou Porto Canles (<<Alonso Torrado (…) unha casa en Porto Canles>>, <<lugar de Portocanles>>), e esas son as formas habituais na actualidade nos nomenclátores e outras fontes escritas, pero no século XIX aínda era común a vacilación; por exemplo, aparece como Porta-canles no dicionario xeográfico de Madoz, de1845.
O segundo elemento do topónimo é o substantivo (<lat. CANALE), que o dicionario de Marcial Valladares (1884) define como: <<Canal, para conducir auga. Por exemplo, la de los molinos comunes que suelen ser de madera>>. É probable que a motivación que deu orixe ao topónimo fose a proximidade ás canles dalgún deses muíños. No Catastro de Ensenada (1753) ademais do Agro de Portocanles e o Regato de Portocanles ou Río de Portocanles, existía un muíño así chamado: <<molino de Portocanles sito en el rio de el mismo nombre; de una muela negra; de cubo>>.
MONTIÑO DE PORTO CANLES (OU MONTIÑO DE PORTECANLES)
O substantivo monte ten na toponimia dúas acepcións; unha relativa á orografía, para designar elevacións do terreo máis ou menos grandes, e outra relativa ao aproveitamento agrícola, aplicándose a terras non cultivadas ou a bravo (´a monte´).
Témolo en numerosos topónimos. Na parroquia de Abalo: O Monte de Fonte Salgueiras, Monte Freixeiro, Monte Rodeiro, O Monte Vello, Monte Laíñas e mais O Agro do Monte; cun diminutivo en –iño: O Montiño, Montiño de Areas de Vacas, O Montiño do Costado, O Montiño dos Samesóns, O Montiño da Cova da Laxe, O Montiño do Coxo, O Montiño da Roseda, O Montiño da Titania e Montiño da Velliña.
Tamén é diminutivo de monte, correspondente ao latín MONTICELLU, o nome da paraxe chamada Montecelos (Monteselos co seseo común na zona), na parroquia de Abalo. No Catrasto da Ensenada rexistrámolo en singular: Montecelo.
Na parroquia de Catoira: O Monte da Peneda, O Monte da Costiña, O Monte das Lagoas e O Monte dos Muíños de Vento (qu e debeu ter outro nome antigo; véxase o que comentamos acerca deses muíños, que son relativamente recentes). Co diminutivo corresponde: O Montiño das Lombas, o Montiño de San Cibrán e o Montiño das Lagoas).
Na parroquia de Dimo: O Monte de Campo de Castro, O Monte do Confurco, O Monte do Fondego, O Monte de San Cibrán, O Monte da Vella, O Medio do Monte, A Penerada do Monte, ademais do diminutivo en O Montiño e o Montiño de Gondar.
Na parroquia de Oeste: A do Monte, O Monte das Abeleiras, O Monte dos Agros, O Monte do Atranco, O Monte da Cabana, O Monte de Campo Florido, O Momnte da Costa, O Monte do Cuculudo, O Monte da Fonte do Xeixo, O Monte das Lombas, O Monte das Mamas, O Monte de Foxos, O Monte de Pedras Blancas, O Monte de Portechán, O Monte de Ribadaveiga, O Monte da Tixó, O Monte da Tormeiriña, O Monte da Vella de Arriba, O Montiño do Crego, O Montiño de Fontenla, O Montiño de Portocanles ( aquí o autor do libro Toponimia de Catoira, equivocouse, este topónimo pertence á parroquia de Dimo).

Texto extraido:
https://www.obaixoulla.gal/elementos/catoira/arquitectura-da-auga/muino-dos-portugueses
https://www.obaixoulla.gal/elementos/catoira/arqueoloxia/petroglifo-do-muino-dos-portugueses
“Toponimia de Catoira” de Gonzalo Navaza.

Vista do muiño e petróglifo.


Sinalando o petróglifo.

Petróglifo.

Sinalando os gravados dos petróglifos.

Lenda do muiño.


Posible lenda do muiño.

Vista do muiño.

Vista do muiño.

Inferno do muiño.

Vista do muiño.

Vista da canle da auga.

Vista do muiño.








Comentarios

Publicacións populares deste blog

A RODA DE CATOIRA

OS CASCOS CON CORNOS DA ROMERÍA VIKINGA DE CATOIRA

A MOZA XITANA DE CATOIRA