A ÚLTIMA BATALLA NAS TORRES DE OESTE.

 Entre o serradoiro e As Torres, pola liña de costa, hai un muro medio derruído que foi construído nos anos 40 e que non se levou a cabo pola oposición da veciñanza có apoio do cura Avelino, posto que este lugar antes de que viñeran as “chuponas de area” era o lugar onde pastaban as vacas e a veciñanza recollía o xunco e gardábano para os animais en inverno.

A mediados dos anos 40 a xente de Santa Baia e algúns de Catoira, os de Corredoira sobre todo, abastecíanse do xunco das brañas, que era moi importante para as cortes e para o coidado da gandería en xeral. De súpeto, Gallego, un vilagarcián, coa colaboración de Alejandro Pérez e Don Faustino nun primeiro momento, tentou de converter esas brañas nuns pasteiros fértiles, illándoas das mareas vivas, e coa idea de facer unhas plantacións orixinais e produtivas. Acadados os permisos necesarios, este industrial arousán procedeu a levantar un grande muro dique, paralelo ao río, dende a fábrica do Panadeiro ata as Torres. Comezaron a chegar gabarras (embarcación pequena e chata destinada nos portos á carga e descarga dos barcos)cunhas enormes pedras que os canteiros ían ordenando e colocando no muro. Pero cando este estaba a medio camiño, e xa cunha altura considerable, comezou un movemento de descontento entre a veciñanza que deu lugar a unha serie de escritos, elaborados por técnicos, que se opoñían á construción do devandito muro. Pero estes non tiveron contestación algunha e as obras seguían o seu curso. Así que vendo que a vía formal e negociadora non daba resultado, Don Avelino reúne ós fregueses e motívaos para que se presenten en bloque nas Torres con tódolos apeiros ao seu alcance có fin de derrubar o muro. A orde de saída e sinal de ataque sería un toque de campá, e esta seria tocada por un neno para que ningún adulto incorrese nesa irregularidade.
COMEZA A BATALLA
Dito e feito, ás sete da mañá dun día de Outubro do ano 1945, a campa levantou a toda a veciñanza cunha única consigna derrubar aquela grande parede. Ata alá se encamiñaron todos grandes, nenos e medianos baixo as ordes duns canteiros expertos na materia, e procedeuse ao derrubo das pedras que, ó caeren polo seu propio peso se ían enterrando na lama. O muro ía baixando de altura. Pero cando a xente da parroquia enteira estaba enfaenada no traballo, apareceu a Garda Civil que, con bo criterio, en principio limitáronse a observar, pero despois comezaron a tomar declaración a uns cantos que eles consideraron “cabecillas”. Deste xeito as obras detivéronse, polo menos momentaneamente.
A pesares de que a xente, como na Fuenteovejuna de Lope de Vega, apelou a aquelo de “Quen matou o Meco? Matámolo todos”, houbo uns cantos procesados, Manuel Bouzón (o meu bisavó), Agustín das Pedras, Manuel de Benito, Antonio de Freijó, Constantino de Pascualiño, Francisco de Marcelo e Dolores Pérez (a de Hipólito) que se enfrontaba así ó seu irmán Alejandro, que non foron ó cárcere porque os veciños da parroquia pagaron a fianza. Establecéronse unhas “cotas” que os veciños de Santa Baia e Corredoira ían abonando cada certo tempo, e que se deixaron de pagar cando se empezou a construír a capela da Estación. Pero despois dunha tensa e longa espera, e cando a xente estaba xa moi preocupada e impaciente pola sorte que ían correr os implicados, e por ver como se ía resolver o contencioso, chegou a data do xuízo.
O PROCESO
Defendía ós veciños de Oeste o famoso avogado Don Isidoro Millán (pai). Estando xa na vista do caso, o avogado da parte demandante, é dicir, do empresario vilagarcián, rematou a súa intervención, e para fundamentar o seu alegado, do seguinte xeito: “... no se puede consentir, señoría, que un pueblo soliviantado actúe de la forma que lo han hecho estos vecinos de Oeste por defender unas marismas improductivas y unos muros viejos irrelevantes...". Isto encoraxinou moito ao letrado Don Isidoro Millán, e deulle pé para iniciar unha acendida defensa, xa non só dos veciños, senón tamén das Torres de Oeste.
"Muros irrelevantes sabiendo que esos muros formaron parte de la estructura del Castillo donde falleció Don Cresconio en 1068, castillo que él había levantado a costa de tantos desvelos y tantos afanes, para defensa de la Religión y de la Patria, cuando era obispo de Iria, al suceder a Bernardo III en 1307”. “Muros irrelevantes los que mandó reconstruir el primer arzobispo de Compostela, Don Diego Gelmírez, en 1108. ¿Se pueden llamar 'muros irrelevantes´ a unas Torres cargadas de historia?”
Comentaban os encargados da sala e tamén algunha das testemuñas que mentres o avogado da defensa dos veciños estaba rematando de dicir isto, o seu colega demandante achegouse ó seu cliente e dicíalle ó oído. “¡Estamos perdidos! ¡no hay nada que hacer!".
O DESENLACE
Non lle faltaba razón: a sentencia foi absolutoria para aqueles "cabecillas”, veciños de Santa Baia, que foran acusados da demolición do muro da famosa contenda. De todos os xeitos os homes e mulleres de Oeste non as tiñan todas consigo e desconfiaban, porque a casota onde os obreiros tiñan a ferramenta e todo o material a empregar na obra, seguía en pé e non a daban baleirado. Estaba alí, como dicían algúns, en “ademán desafiante", ata que unha noite converteuse nunha enorme fogueira, calcinando todo o que no seu interior se atopaba. Resolvíase así aquel contencioso que mantivera en vilo aos veciños de Santa Baia usufrutuarios principais das brañas e mariñas que circundan as Torres de Oeste.
Pódese asegurar, sen lugar a ningún xénero de dúbida que esta foi a última batalla real que aconteceu no contorno das Torres de Oeste.
PERSOAXES:
Don Faustino Rey
Fundou en Catoira en 1961 o Ateneo Ullán, que sería cerne da Romaría Viquinga de Catoira.
Don Avelino
Don Avelino Fernández Cela natural de Lestrove (Dodro), chegou á parroquia de Santa Baia de Oeste en 1947, dende inicios de ano estivo como rexente ata a súa firma como párroco o 8 de setembro de 1947. O seu cargo nesta parroquia tamén tería unha longa duración, 22 anos, pois duraría ata o 2 de xuño de 1969, data do seu finamento.
A súa actividade foi longa e intensa, froito da súa actividade pastoral nesta época saldrán da nosa parroquia varios sacerdotes. Das actividades realizadas durante a súa estancia podese destacar a construción da capela San Xosé Obreiro na Estación, sendo a primeira que se realizou en España, implicando a toda a parroquia nesta labor. O monumento que se monta durante a Semana Santa, tamén é obra súa.
Noutro orde, será un dos responsables máis directos na realización da estrada que articula a nosa parroquia, unindo a Baiuca coa Estación.
Alejandro Pérez
Veciño da Baiuca, foi emigrante onde conseguiu fortuna e tivo varias propiedades, entre elas foi “Casa Emilio”.
O Gallego
Veciño de Vilagarcía de Arousa e o seu ´obxectivo´ era inventar negocios.
TOPONIMIA
As leiras de Santa Baia.
Leira é un substantivo que denomina un pedazo de terra de labor. É palabra de orixe prerromana, nos textos medievais en latín aparece como larea e sobreviviu na fala como apelativo común ata a actualidade. Ten moita presenza na toponimia galega dos nomes de propiedades rústicas. No concello de Catoira rexistrámolo en numerosos topónimos. Na parroquia de Abalo: As Leiras da De vesa de Castro, As Leiras da Porta e As Leiras do Río. Na parroquia de Catoira: As Leiras da Devesa e As Leiras do Valado. Na parroquia de Dimo: As Leiras Grandes, As Leiras das Viñas, A Leira Grande, As Leiras do Seixo, Leiras do Carballoso, As Leiras da Menda, A Leira das Areas, As Leiras da Curriola, A Leira do Camiño, Os Campos das Leiras, As Leiras da Fonte, As Leiras da Fonte de Tarrío, A Leira das Maceiras, As Leiras da Brea, As Leiras do Fondego e As Leiras Grandes. Na parroquia de Oeste: As Leiras do Cotro, As Leiras de Portechán, As Leiras de Santabaia, As Leiras do Castelo, Lei radares, As Leiras da Ganchola, As Leiras Grandes, As Leiras da Choza e As Leiras do Pumariño.
Non temos documentación antiga que nos permita interpretar correctamente un topónimo A Rioleira, na parroquia de Oeste, que malia a aparencia dun composto de río e leira podería ser un derivado de raiola, talvez alusivo á situación sollosa ou soleada do lugar.

Texto extraído de:
“Aquela xente de Catoira”, páx. 87, Pepe Castaño Díos.
“100 anos da igrexa de Santa Baia”, Concello de Catoira.
“Toponimia de Catoira”, Gonzalo Navaza.

Fotografía do 1959.

Actualmente.

Don Faustino Rey.

Don Avelino (primeira fila á esquerda).



Comentarios

Publicacións populares deste blog

A RODA DE CATOIRA

OS CASCOS CON CORNOS DA ROMERÍA VIKINGA DE CATOIRA

A MOZA XITANA DE CATOIRA